A nosa labor
Sempre houbo quen sementara
Sabemos que hoxe as nosas aldeas enfróntanse a un duro silencio; as casas péchanse e, con elas, pérdense as mans que antes traballaban tanto a terra como a memoria. A realidade do despoboamento dinos que non sempre hai quen semente, que os regos fican baleiros e que o relevo do noso rural está en perigo de quedar detido no tempo. Por iso é tan vital un proxecto como o da Asociación Cultural Aldea Vella. Non nos resignamos a que o noso sexa só unha lembranza do que un día foi. Traballamos coa urxencia de quen sabe que, se non sementamos hoxe cultura, encontros e orgullo, o mañá será un campo ermo. Porén, nese baleiro é onde nace a nosa esperanza: na certeza de que a unión fai semente. Cremos profundamente que a participación activa de cada veciño e veciña é a forza que pode reverter o silencio. Cando nos xuntamos estamos a dicir que aquí hai vida. Porque se todos compartimos o noso saber, as nosas aldeas deixarán de ser postais do pasado para converterse no proxecto de futuro que estamos a construír hoxe mesmo.
Folk Horror Festival
O percorrido por tres edicións de Aldea Vella Folk Horror Festival. Unha viaxe pola imaxe visual, a produción e o universo cinematográfico dun festival que explora o terror rural, as supersticións e o lado máis escuro do noso legado.


Obradoiros
Artesanía e aprendizaxe en comunidade. Obradoiros prácticos para conectar coa materia prima e a sabeduría do monte, dando vida a pezas únicas a través dos oficios e tradicións da nosa terra.
Patrimonio
A memoria da terra e os seus segredos. Actividades deseñadas para afondar no patrimonio material e inmaterial da zona: visitas, percorridos e encontros para escoitar a historia que habita nos vellos espazos e no noso legado.


Divulgación
Divulgación, pensamento e memoria colectiva. Espazos de encontro, charlas e debates para afondar na investigación do noso folclore, a mitoloxía e a historia social do rural, poñendo en valor o coñecemento que mantén vivas as nosas raíces.
Eventos
Lecer, punto de encontro e tradición oral. Espazos para a celebración e o gozo compartido onde o cine, a gastronomía popular e os xogos tradicionais se converten na escusa perfecta para xuntarnos e facer comunidade
